Friday 03 de May de 2024

Aitor Bouza pídelle ao bipartito claridade sobre a Casa da Xuventude: “existe unha renuncia formal ao convenio coa Deputación?”


Os socialistas manterán unha reunión coas asociacións veciñais e colectivos usuarios do edificio na que participará tamén o portavoz da Deputación da Coruña para explicar o proxecto de rehabilitación.

O Secretario Xeral dos socialistas destacou ademais que a moción para rexeitar os ataques ás sedes socialistas contase co respaldo unánime da Corporación: “esperamos que o señor Rueda tome nota”

Claridade, foi o que reclamou este venres o Secretario Xeral dos socialistas en Santiago ao bipartito, logo de que no pleno ordinario do mes de novembro as dúas forzas que compoñen o goberno amosasen as súas discrepancias. Aitor Bouza lamentou a “falta de transparencia” de Sanmartín, recordando que de non ter solicitado unha comparecencia do concelleiro responsable “nunca tiveramos coñecido todo o álbum de fotos da súa proposta”.

Bouza, que anunciou unha reunión coas asociacións veciñais e colectivos usuarios do edificio na que participará tamén o portavoz da Deputación da Coruña para explicar o proxecto de rehabilitación, afeoulle ao goberno local que non aclare “se realmente existe unha renuncia formal” ao convenio co ente provincial. O líder dos socialistas amosouse moi crítico pola postura do BNG que aposta “por destruír en lugar de construír”, insistindo na idea de que a proposta do Bloque podería integrarse na propia rehabilitación.

“Non hai que destruír para que haxa unha relación do parque de Belvís co resto da cidade e garantir a accesibilidade” explicou Bouza, recalcando que o anteproxecto da deputación contempla xa unha apertura cara o parque desde o Matadoiro. Ademais afeoulle ao BNG o seu acercamento ao Partido Popular, unha “coincidencia sorprendente” segundo o socialista, ante a que se pregunta se o PP apoiaría os orzamentos do BNG para este tipo de proxectos.

“Se é certo que o PP vai velar polos intereses de Santiago, supoño que votará a favor das emendas socialistas aos orzamentos da Xunta”

Lembrando as palabras do Partido Popular no pleno de onte, nas que aseguraron que o PP “ía velar polos intereses de Santiago”, Aitor Bouza reclamoulle ao portavoz dos conservadores, e deputado no Parlamento que actúe en consecuencia: “entendemos entón que o señor Verea vai votar a favor das emendas que presentamos”.

Unhas emendas que presentaron esta mesma semana e que contemplan construír un aparcadoiro ao carón do Hospital Clínico, o incremento da aportación para a Depuradora da Silvouta, un colector de pluviais en Fontiñas, unha nova sede para a Escola Oficial de Idiomas e a ampliación do Conservatorio Profesional de Música. Tamén se inclúen partidas para a construción dun Conservatorio de Danza e a Escola Infantil de Santa Marta.

A próxima semana iniciarase o debate particular das emendas parciais e en 15 días procederase á votación definitiva. Unha votación na que, agardan desde as filas socialistas, o deputado Borja Verea “sexa consecuente co que dixo no pleno municipal”.

Unha condena unánime aos ataques ás sedes socialistas

O líder do PSdeG en Santiago amosou a satisfacción ante a unanimidade alcanzada no pleno na moción que presentou o grupo socialista para condenar os ataques ás Casas do Pobo de toda España. Bouza destacou que este consenso “non foi posible no resto de Galicia” e valorou o cambio de voto dun dos concelleiros conservadores “que no pleno da Deputación da semana pasada abstívose” e, desta vez, votou a favor da condena.

“Valoramos moi positivamente este avance do Partido Popular e agardamos que o señor Rueda tome nota e poida ser o partido de Compostela o que lle marque a liña a seguir na condena duns actos reprobables e repugnantes” afirmou.